0
0
0
s2sdefault

O venres pasado fixeron o seu primeiro paseo de recoñecemento xunto a un experto de ADEGA, e volverán en outono para monitorizar o estado da flora, da fauna, e a calidade da auga.

Adopcion tramo rio Lagares Asociacion Erguete

As persoas usuarias da Asociación Érguete enfundáronse o venres o mono de traballo para patear e estudar durante toda a mañá un tramo do río Lagares. Ese espazo, tanto a auga como a vexetación que a rodea, son a súa responsabilidade desde que a entidade sumouse ao Proxecto Ríos de ADEGA, e adoptou o lugar para observalo e coidalo.

Esta é unha actividade máis no seu proceso dentro da entidade e que ten como obxectivo demostrarlles que, “con esforzo, todos e todas podemos contribuír a crear un mundo mellor”, explica a coordinadora da Asociación, Elvira Rivas. Segundo a experta este tipo de actividades son “moi satisfactorias”, nos procesos polos que pasan as persoas usuarias na entidade. “Sentir que axudan aos seus veciños e veciñas anímaos a continuar traballando para mellorar persoalmente”, afirma.

Adopcion tramo rio Lagares Asociacion Erguete 2

 

Para dous usuarios da entidade esta actividade está “moi ben”, xa que lles axuda “a deixar de pensar nas súas cousas por momentos”, e a aprender que o entorno que nos rodea “ten moito valor e debemos coidalo”. “Agora vemos as cousas doutra maneira”, afirman. Nunca antes tomaran mostras de auga, analizaran larvas de insectos, e trataran de recoñecer todas as especies vexetais que colorean a beira do río Lagares.

A actividade ubícase en dous programas de intervención da entidade, o Programa de Formación e Integración Social (PFIS), que traballa a mellora persoal con persoas que están a cumprir condenas en prisión en 2º grao penal, en 3º grao penal, en réxime de semiliberdade e/ou con medidas alternativas á privación de liberdade, e o programa de vivendas de apoio, no que usuarias e usuarios residen durante un ano en tres pisos que a Asociación ten en Vigo para deixar o consumo, e tratar de reconducir a súa vida.

A educadora social do PFIS, Ana Vázquez, explica que este tipo de programa funciona moi ben entre as persoas usuarias do seu programa porque reforza “os hábitos de coidado persoais”, indispensables para saír dun problema de adicción ou conduta, ademais de sumar “os hábitos de coidado ao entorno e ofrecerlles unha alternativa de ocio máis alá das substancias”. Agora, analizarán os datos en común na entidade, e volverán en outubro para seguir na súa actividade de estudo e observación. Despois entregarán todos os datos a ADEGA para que se sumen no Informe Anual sobre Ríos do Estado.

A actividade foi dirixida por Paco Bañobre, coordinado de grupos do Proxecto Ríos. Un programa coordinado por ADEGA e que ten como propósitos divulgar a situación ambiental dos nosos cursos fluviais, contribuír a incrementar a concienciación ambiental a través da participación cidadá e aportar solucións aos problemas asociados á auga e aos ríos, así como de convertese nun referente nos programas de educación e voluntariado ambiental. Na actualidade este proxecto está promovido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a través dos organismos Augas de Galicia e Instituto de Estudos do Territorio.

O programa de vivendas está subvencionado pola Xunta de Galicia, Concello de Vigo, e o Fondo Social Europeo.

Adopcion tramo rio Lagares Asociacion Erguete 3