0
0
0
s2sdefault

A Asociación Érguete avisa que hai moitos colectivos en risco de exclusión aos que a situación de excepcionalidade que provoca o Covid19 os deixa en moi difícil situación

A pandemia provocada polo Covid19 parou a sociedade confinando a maioría das persoas en casa para poder loitar contra un inimigo invisible. Os negocios pecharon as súas cancelas, o trafico de persoas cesou ao mínimo, e as rúas ficaron baleiras ao ritmo que aumentaron as restricións, e que campaña que nos invitaba a quedar na casa era cada vez máis secundada. “Pero hai persoas que non poden quedar en casa, que ademais son colectivo de risco, e que non debemos esquecer”, explica a coordinadora da Asociación Érguete, Elvira Rivas, referíndose as persoas sen fogar e aos colectivos en risco de exclusión.

A estas persoas esta crise lle suscita varias preguntas. Como podo encerrarme para loitar contra o virus? Como podo lavarme continuamente as mans se vivo na rúa? Onde podo durmir? Varias preguntas difíciles de responder. Por iso na Asociación Érguete, e outras entidades de Vigo, e toda Galicia, tampouco “paramos”. Rivas explica que “na entidade mobilizamos todos os nosos recursos para poder ofrecer un servizo completo para estas persoas porque as entidades solidarias non podemos parar”. Érguete, como outras ONGs en todo o país, tivo que reestruturarse durante este mes, fomentando o teletraballo en áreas asistenciais que non requiren de presencia física, e mantendo o servizo presencial nas áreas máis prioritarias.

Elvira Rivas explica que agora unha “das súas principais prioridades está nas persoas que conviven nas tres vivendas que temos agora funcionando en Vigo”. A Asociación Érguete dispón de tres pisos no casco urbano da cidade para que persoas que presentan problemas de adiccións poidan terminar o seu proceso de desintoxicación e comezar a súa reinserción na sociedade. En cada vivenda poden chegar a convivir ata seis persoas, máis as traballadoras e traballadores encargadas do seu coidado as 24 horas do día, polo que manter “as medidas de hixiene e protección contra o virus deben ser unha prioridade, posto que moitas das persoas que viven nas nosas vivendas presentan patoloxías que poden agravar os efectos do coronavirus”, explica a coordinadora da Asociación.

O outro servizo presencial que se mantén na Asociación Érguete é o programa socioxurídico, que este mes, ante a paralización da actividade xudicial ordinaria e a excepcionalidade da situación, centrárase nun servizo de asesoramento persoal de maneira telemática a través de entrevistas telefónicas.

O “traballo solidario é o exemplo a seguir se queremos gañarlle ao virus, debemos traballar xuntos sen esquecer as persoas que precisan máis axuda”, explica Rivas. Para ela, a única forma de vencelo está “na solidariedade, na unión e no esforzo común”, polo que reclama a sociedade e as Administracións que non “esquezan a estas persoas”, e as anima a continuar coa “creación de plans de asistencia como os xa se están facendo en moitos lugares”.

Prisión

Na Asociación Érguete tamén queren recoñecer o traballo do funcionariado de institucións penitenciarias e o esforzo das persoas en prisión para adaptarse a esta situación. Na entidade tiveron que suspender o seu traballo nas cárceres de A Lama e Teixeiro pola pandemia, pero lembran que “alí moita xente continúa traballando, por iso, eles tamén deben ser recoñecidos”, explica Rivas. Ademais, lembra que tampouco podemos esquecer a situación “excepcional e difícil” que viven as persoas en prisión sen poder recibir visitas como medida de prevención.

colectivo risco covid 19 asociacion erguete