0
0
0
s2sdefault

O equipo técnico da Asociación traballou con máis de 300 rapaces e rapazas en escolas e equipos deportivos, e tamén con 200 familias para abordar a prevención dende os distintos campos

A adicción aos videoxogos é un problema que “cada vez vemos máis nas nenas e nenos coas que traballamos”, explica a técnica de prevención da Asociación Érguete, Marta Lloves, no marco da clausura do programa Coñece-Decide organizado en colaboración coa Deputación de Pontevedra, e que consiste en accións de prevención en centros educativos da área metropolitana de Vigo, con pais e nais, e con equipos deportivos para tratar de precaver condutas aditivas.

Durante o traballo de campo deste 2019 con máis de 300 rapaces e rapazas en escolas e equipos deportivos, e con 200 familias, o equipo técnico de Érguete constatou unha serie de comportamentos que inciden na importancia de traballar na prevención. Un deles e quizás o máis moderno é a adicción aos videoxogos que afecta a nenos e nenas polo que “estase baixando a idade de inicio dos comportamentos adictivos”, explica Lloves. A expansión das novas tecnoloxías e o auxe de videoxogos como o Fortnite fai que “xa viramos nenos de oito anos con problemas de ansiedade que presentan persoas maiores con adiccións a substancias”, avisa a técnica de Érguete.

clausura conece decide 2019

 

O problema é novo e aínda fai falta máis traballo de campo para constatar en cifras as porcentaxes de menores que presentan adiccións aos videoxogos, pero segundo Lloves o foco ten que estar tamén “nos pais e nais porque son eles os que lle meten nos xogos, os que lle crean a conta ou os que presentan comportamentos adictivos coa tecnoloxía”, explica.

Unha das dinámicas de traballo do programa Coñece-Decide e a de falar con nenos e nenas e as súas familias por separado. E este ano pasou “algo curioso”, di Lloves. “É a primeira vez que fillos e pais presentan as mesmas queixas”, destaca. Os máis pequenos e pequenas quéixanse que o seu pai e a súa nai están moito co móbil mentres que eles, en cambio, din que o seu fillo pasa moito tempo pegado o teléfono. “Isto indica que hai que traballar e concienciar na importancia de transmitir comportamentos positivos se queremos evitar estas adiccións”, explica Marta Lloves.

Apostas deportivas

Outro dos comportamentos que o equipo da Asociación Érguete constatou este ano foi que entre os rapaces e rapazas que practican algún deporte a estadística mostra que son máis “proclives a presentar adiccións ás apostas deportivas”. Así como o deporte funciona como muro de contención fronte o consumo de substancias, parece que fai o contrario nas apostas. Polo que dende a Asociación trataremos de enfocar as actividades con clubs deportivos para tratar directamente con este problema.

Reforzo da personalidade

Outro dos elementos indispensables para traballar na prevención cos máis pequenos e pequenas e a de tratar de reforzar a súa personalidade, no sentido de tratar de reducir as altas cifras de consumo de drogas por presión social que presentan as últimas estadísticas. Este é outros dos puntos que o Coñece-Decide aborda abertamente nos seus talleres.