0
0
0
s2sdefault

Só unha de cada catro persoas que accederon a Red de Atención a las Adicciones (UNAD) durante o 2018 era muller

O próximo domingo as mulleres de todo o mundo alzarán a súa voz para reivindicar igualdade. Entre elas, estarán as mulleres con adiccións, un colectivo moi amplo e silenciado, pese a que “ten moito que reclamar”, explica a educadora social da Asociación Érguete, Lucía Pereda. Para ela, a sociedade tamén debe “escoitar a voz das mulleres coas que traballamos. A súa situación debe mellorar”, reclama unha das encargadas da comisión de xénero da ONG con sede en Vigo.

“Para elas é moito máis difícil reintegrarse socialmente que para un home”, denuncia Pereda. Isto se debe a que as mulleres sofren unha “dobre discriminación: por ser consumidoras e por ser mulleres”. Elas, ademais de aguantar todos os prexuízos que existen na sociedade coas persoas con problemas de adiccións, teñen que loitar e pedir axuda nun sistema “que non está pensado para elas”. A educadora social remítese a un dato tan “significativo”, como que só unha de cada catro persoas que accederon a Red de Atención a las Adicciones (UNAD) durante o 2018 era muller.

A experiencia de campo de organizacións como a Asociación Érguete fai que a idea de que as mulleres presentan menos problemas de adiccións que os homes non se adapte a realidade. Para Lucía Pereda a explicación ao menor acceso das mulleres á rede asistencial está en que para elas “é moito máis difícil acceder aos recursos de axuda e presentan máis taxas de abandono”, pero por que? “É simple, os programas non están adaptados. Por poñer un exemplo, as mulleres que queiran entrar nun centro terapéutico público en Galicia cos seus fillos ou fillas, non poden porque non existen”, denuncia. Na situación destas mulleres a violencia tamén está moi presente. “Moitas das que atendemos son ou foron víctimas de violencia de xénero, isto provoca que entren nunha espiral de violencia e consumo de drogas da que é moi difícil saír”, lamenta Pereda.

A educadora social tamén traballa con menores con conduttas adictivas no programa da Asociación Érguete (PFIS) e constata que “elas tardan moito máis que eles en pedir axuda. De media entre tres e catro anos máis tarde, cando xa presentan consumo tardío”, explica. Isto se debe, segundo Pereda, a que existen moitos máis estigmas entre as menores á hora de consumir.

Mulleres consumidoreas discriminadas Asociacion Erguete

 

Tamén en prisión

Andrea Pérez é a coordinadora do programa de intervención “Mírate” da Asociación Érguete, con mulleres privadas de liberdade en A Lama, onde realiza un acompañamento e asesoramento laboral e formativo, así como psicolóxico, para traballar a autoestima e a igualdade en prisión. Explica que a vida na cárcere tamén “é máis difícil para as mulleres que para os homes”, denuncia.

Nas prisións galegas as mulleres non están divididas por distintos colectivos nos módulos para mellorar a convivencia, presas de todas as idades e distintos graos están xuntas, as instalacións das seccións femininas como o ximnasio teñen moitos menos recursos que a dos homes, e en Galicia é imposible que elas poidan convivir cos seus fillos ou fillas ata os 3 anos de idade, como si ocorre noutras prisións de España.

Por todo isto, a Asociación Érguete cun compromiso total coa igualdade está implementando a perspectiva de xénero a todos os seus programas para mellorar as intervencións e a situación das mulleres. Aínda que avisan, que son as Administracións as que deben atender o problema e actuar sobre el.

Aquí podes ler os manifestos da Asociación Érguete e da UNAD

https://drive.google.com/open?id=1qnEiIXv4pEWT-lp3xnc56ph9xPDsUpGe

https://drive.google.com/open?id=1ylyct5j6X3mCguQQeWPXjx1S9r3vDSw1