0
0
0
s2sdefault

O 48% dos menores considera Internet como a fonte de información máis adecuada sobre temas sexuais, pero os contidos consultados son mairmente porno, sendo 11 anos a idade media de inicio neste tipo de contidos.

A Asociación Érguete organizou onte no Multiusos da Xunqueira de Redondela unha charla interactiva sobre educación afectivo-sexual para as familias. Foi impartida pola médica especialista en Educación para a Saúde, Ana Prejigueiro Santás, e afondouse na educación sexual que as familias imparten a nenos e nenas, e a importancia de mellorar a comunicación entre ambas partes.

A organización deste tipo de charlas ten como obxectivo axudar as familias nun aspecto tan importante da educación de menores como é a sexualidade. Unha formación que a ONU define como “esencial para a saúde e benestar de rapaces e rapazas”. “É algo do que hai que falar na familia, se non llo facilitas, irán a Internet ou ao porno, e iso pode traer máis confusión e malos hábitos”, explican dende a Asociación Érguete.

Segundo a Encuesta Nacional sobre Salud Sexual y Anticoncepción entre los Jóvenes españoles da Sociedade Española de Contracepción (SEC), no ano 2019 un 48% dos menores consultados consideraba Internet como a fonte de información máis adecuada sobre temas sexuais, mentres que un 45,5% afirmaba que a súa primeira fonte de información son os amigos e amigas, por diante do profesorado (28%), as nais (23,1%) e o pai (12,4%). Ademais a enquisa tamén recolle que a idade media da primeira relación sexual sitúase nos 15,7 anos entre a mocidade con idades entre os 16 e 18 anos. Mentres que a media para iniciarse no porno é de 11. Cinco anos no que o imaxinario sexual está formado a partir da pornografía. Cos perigos, confusións e mesmo comportamentos machistas que esta situación pode traer.

Polo de agora en España a educación sexual non está implantada no sistema educativo e as últimas estatísticas sobre enfermidades de transmisión sexual avisan de que algo estase a facer mal. O Ministerio de Sanidade avisaba o pasado verán dun aumento deste tipo de doenzas do 26% entre 2013 e 2017, mentres que o uso do preservativo entre mozos e mozas descendeu dun 84 a un 75% entre 2002 e 2018.

As charlas interactivas responden a esta falta de información que a Asociación Érguete detecta na sociedade e forma parte Proxecto de Prevención de Drogodependencias e Condutas Aditivas da Xunta de Galicia no Concello de Redondela da que se encarga a Asociación. Un dos programas que organiza é o chamado “Máis que un teito” que consiste nun ciclo de conferencias dirixidas ás familias en diversos temas relativos a prevención.

charla interactiva familias educacion afectiva sexual Asociacion Erguete Redondela